sábado, 22 de xuño de 2013

FINAL DE CURSO MUSICAL E DEPORTIVO

O último día do curso 2012-13 resultou moi animado no IES Vilar Ponte. Un programa moi apretado de actividades, resultado dun proceso de preparación que se desenvolveu ao longo do 3º trimestre.
En primeiro lugar celebrouse, no pavillón Antonio Tarrío o festival-concurso "Un minuto de gloria" no que alumnos e alumnas poideron dar mostra dos seus talentos e habilidades artísticas. Aínda que se podía participar con actuacións de todo tipo, todas consistiron en música ou baile.
Os premios foron, na modalidade de canción, para Rebeca Macía, Emilio Rosanes e Miguel Villar, con dúas estupendas versións de Swing life away de Rise Against e Live for better days de Ignite.
Na modalidade de baile, o premio recaeu nas irmás Mar e Ángela Martínez Sarmentero, que nos sorprenderon a todos cunha expléndida coreografía na que deron mostra dunha gran coordinación e unhas dotes naturais pouco comúns. Estas mesmas concursantes foron as que recibiron o premio absoluto do concurso.
O xurado do concurso estivo formado por dúas alumnas elixidas pola Xunta de Delegados, Alejandra Vale e Fátima Vázquez; a profesora de galego, Beatriz González; a Vicedirectora, Vanesa Rivas e o Director e profe de música, Marcelino García. 

Despois do festival celebrouse un partido de futbol-sala que daba remate ás ligas que se desenvolveron no 3º trimestre en dúas categorías: 1º e 2º de ESO, na que resultou vencedor o equipo Rocksport, composto por Daniel Celeiro, Diego Rodríguez, Gerardo Veiga, Pelayo García, David Castelo e Mateo San Isidro. Na categoria dos maiores, de 3º,4º ESO e 1ºBAC, resultou gañador o equipo Kowabunga, composto por Miguel Rouco, Xesús Mateo, Juan Berdeal, Pedro Bustelo, Arturo Calvo e Álvaro Michelena. O partido entre os dous gañadores inclinouse a favor dos maiores, Kowabunga.
Os premios ao máximo goleador foron para Daniel Celeiro, na categoria inferior, e Andrés Guijarro, na dos maiores. Os porteiros menos goleados foron Mateo San Isidro e Emilio Rosanes. Finalmente, o premio ao mellor xogador absoluto foi para Juan Berdeal.
O partido final enfrontou ao equipo gañador das ligas, Kowabunga e o equipo formado por profesores do centro. Pese á heroica resistencia destes últimos durante a 1ª parte do encontro, finalmente, a victoria final foi para o equipo de alumnos, por 6 - 1.
As dúas actividades que remataron neste día resultaron un exito entre o alumnado do centro, o que fai pensar que para o curso vindeiro se poidan enfocar con máis tempo e con maior participación.



                            

Ningún comentario:

Publicar un comentario