O penúltimo día de clase antes das vacacións de Nadal, e a pesar da invernía que azoutaba Viveiro, todo o alumnado do IES Vilar Ponte se desprazou ao Teatro Pastor Díaz para presenciar e participar nun acto que integrou armoniosamente a música e a poesía, dúas formas de expresión que se complementan de forma maravillosa para despertar as sensibilidades máis adormecidas.
Ademais de integrarse música e poesía, integráronse alumnos e profesores do centro, algo que lle aportou, se cabe, maior atractivo. O resultado foi que o público disfrutou e, a pesar da súa duración de hora e media, non pareceu aburrirse á vista da implicación que en todo momento se manifestou en cada una das intervencións.
A idea orixinal partiu dos dous profes poetas, Jaime Oroza e José Juan Martínez, que quixeron compartir co centro unha pequena parte da súa produción poética, no caso do primeiro recentemente publicada nun fermoso libro titulado "Dende mañá"; no caso do segundo, a través da súa participación no clube poético da Editorial ALAIRE e do seu blog "El hombre inacabado", onde podemos seguir a súa obra gota a gota.
A participación doutros profesores do centro fixo posible que varios alumnos e alumnas se sumasen a este proxecto que cristalizou o pasado xoves 19 neste acto que, sen dúbida, terá continuidade nos vindeiros cursos e contribuirá a que moitos máis alumnos se atrevan a compartir os seus poemas ou a súas interpretacións musicais.
Pola parte dos rapaces, a participación foi explendorosa tanto na súa vertente musical como na poética, especialmente reseñable foi a aportación dos alumnos máis novos do centro, que puxeron de manifesto o seu enorme impulso creativo e sensibilidade artística.
Parabéns aos promotores desta iniciativa e aos rapaces e rapazas que participaron neste acto, por facer visible ese enorme talento que tantas veces permanece agochado por pudor ou falta de ocasións para facelo público. Quedamos emplazados para a segunda edición deste festival, ao que lle auguramos un futuro prometedor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario