mércores, 8 de febreiro de 2012

LUZ E COR NO CENIMA DE FOZ














Organizado polo Departamento de Debuxo e dirixido pola profesora Mirian González, o noso centro  participou no PROXECTO DIDÁCTICO DE CREACIÓN ARTÍSTICA SEN FRONTEIRAS: LUZ E COR. ARTE-EDUCA.

O resultado deste proxecto está exposto desde o pasado sábado día 4 e estará aberto ao público ata o 3 de marzo no Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA) de Foz. A obra exposta foi realizada por alumnos todas as idades pertencentes a distintos centros educativos da comarca.

Os centros participantes realizan as súas propostas creativas a partir dos conceptos de luz e cor, que se desenvolven de xeito particular nas vidreiras. O proxecto contou coa colaboración do artista viveirense Neira Brochs, que participa na exposición con obras propias e outras realizadas en obradoiros levados a cabo con alumnado do Bacharelato de Artes do IES Monte Castelo.

A obra presentada polo noso centro ocupa un lugar moi destacado, tanto pola súa presenza como pola súa calidade. Utilizando como material básico o cartón e o plástico, o alumnado de 4º da ESO consigue darlle aos seus traballos unha vistosidade e un valor estético sorprendente.

Paga a pena achegarse a Foz para ver esta exposición. Parabéns aos organizadores e sería desexable que esta iniciativa tivese continuidade, a pesar do enorme esforzo que supuxo para os profesores e profesoras dos centros.

E, por suposto, PARABÉNS AOS NOSOS ALUMNOS E ALUMNAS!!

Pódense ver as obras presentadas polo IES Vilar Ponte na presentación que aparece na marxe dereita.

Ningún comentario:

Publicar un comentario