luns, 5 de decembro de 2011

XIX EDICIÓN DAS XORNADAS MICOLÓXICAS DO VILAR PONTE


 

O pasado Xoves 24 de Novembro celebráronse con gran éxito as XIX Xornadas micolóxicas no IES Vilar Ponte de Viveiro.
A primeira actividade dunhas xornadas micolóxicas é a recollida dos protagonistas: os cogomelos. Para iso saímos do Instituto sobre as 8:30 h, cara aos montes do Sixto e a Gañidoira, os alumnos de 1º Bach acompañados de catro profesores: Mª Carmen López, Xaime Oroza (fotógrafo oficial), Paco Fouce e J. J. M. Ferreiro.
A mañá, cando subimos ao autobús, prometía espléndida, como o demostrou, xa no monte, o luminoso azul da cúpula celeste e a humidade dourada que se esparcía entre os troncos dos piñeiros, e entre os corpos e sombras de rapaces e outros “especímenes” que bulían polo bosque. O espectáculo era máxico e misterioso; observando estas escenas enténdese ese “realismo máxico” tan famoso dalgunhas películas rodadas en Galicia nos anos 80, por exemplo “O bosque animado” de José Luís Cuerda, baseada na famosa obra de Wenceslao Fernández Flórez .
Aínda tendo a favor tan fermoso escenario, ademais dun solo boscoso verde relucente e coa humidade necesaria para o brotar dos prezados especímenes, “a cousa non tiña moi boa pinta”, porque parecía haber unha evidente realidade: non aparecían cogomelos o facíano moi escasamente; pero nós non desistimos no noso obxectivo, e dado o elevado número de buscadores de cogomelos e o empeño e tempo dedicados, os carabelos empezáronse a encher, e ao final, despois dun par de etapas por lugares xa coñecidos de experiencias pasadas, a foto de familia do mestre fotográfico Xaime, mostra a uns “expertos e riseiros seteiros” franqueados por uns carabelos con fermosos exemplares de níscalos, linguas de vaca, Armillarias e sobre todo algúns Boletos verdadeiramente magníficos.
Para unha exposición que se prece, soamente faltaban os indispensables champiñóns e Lepiotas, pero logo dun percorrido polas pistas da montaña −en todo momento escoltados por xigantescas máquinas brancas, como para que Don Quixote toleara sen remedio ou solución atopamos, nun par de escampados, uns formidables chapeus mexicanos que lembraban a uns cogomelos chamados “Lepiotas” e que, loxicamente, levámolos con nos.
Para rematar a faena, fixemos unha última parada no parque de Viviero detrás do “María Sarmiento”, alí atopamos negrillas, algúns fermosos exemplares de níscalos e os perseguidos champiñóns; e o máis interesante, achamos tamén o Agaricus xantoderma, unha especie de champiñón tóxica, igualiña ao comestible, pero que vira fortemente ao amarelo limón ao tacto tanto no sombreiro como no pé.
Despois dun breve “piscolabis” na cafetaría do centro, dispuxémonos á limpeza, clasificación e exposición de cogomelos. Alí entre computadores, bulicio de carabelos, rapaces, rotuladores, guías, ¿profe que é isto?...¿que isto outro?... aquí hai que mellorar a letra... organizarvos mellor... isto non está ben escrito... ouve a ver se traballas un pouco, etc... etc..., a cousa foi saíndo, como o demostra quen a partir das 16,00h do Xoves até o final de xornada do Venres puido visitar a exposición.
Por último tivo lugar a partires das 19,30 h, a degustación, á que por culpa de exames, asistiron moi poucos alumnos, pero si algúns profesores, que entre amables charlas e viño “que non falte”, saborearon e encomiaron (agradécese sinceramente) os pratos cociñados polo equipo restaurador-micolóxico composto por Marlene, Ana e J. J.
Grazas

J. J. M. Ferreiro

Ningún comentario:

Publicar un comentario